O dobarrismo xa chegou!
Os grupos de pop galego piden paso, e queren entrar pola porta grande. E que mellor xeito de facelo que rendéndolle tributo ao icono do xénero no país: o ferrolán Andrés do Barro, pioneiro á hora de colar un tema no noso idioma no máis alto das listas de éxitos do estado con O Tren. Un sopro de aire fresco para a súa época, e un sopro de aire fresco no panorama musical actual, coa revisión dos seus temas máis laureados a cargo de trinta bandas da emerxente escena galega.
E, da man do disco, toda unha revolución, con manifesto incluído: O Dobarrismo! “Velaí trinta grupos emerxentes a compartir unha paixón: Andrés do Barro, en epifanía colectiva, como fito fundacional da cultura pop galega. Andrés do Barro, á marxe da turbación, e masturbación, da palabra “nostalxia” (a maior parte destes artistas non tiñan nin nacido nos anos dos seus trunfos). Andrés do Barro, referente definitivo para unha nova estética, a sonoridade dunha lingua que desde esta fin do mundo se dispón -tamén en clave pop- a facer vibrar o planeta.”Son as palabras de Xurxo Souto, capitán bravú da Terceira Revolución Musical Galega (a do propio Andrés, a Primeira, e a de Os Resentidos, a Segunda), e actualmente trobador das ondas herzianas no programa Aberto por Reformas da Radio Galega.
Projecto Mourennte, The Homens, 6pm, Niño y Pistola, Narf, Ectoplasma, Samesugas, Elodio y los Seres Queridos, Fanny + Alexander, Noveulle Cousine... trinta grupos nun dobre cd para darlle volta e berrar viva Andrés do Barro. Unha oportunidade inmellorábel para achegarse á súa obra e, ao mesmo tempo, reivindicar a dimensión do pop do século XXI feito no país. Se o legado de Andrés do Barro fora un tanto esquecido en descoidadas recompilacións de grandes éxitos, Falcatruada edita agora unha coidada e arriscada edición a partires dunha iniciativa dos propios grupos que participan no proxecto.
“Manifesto Dobarrista: un disco tributo a Andrés do Barro” inclúe ademais colaboracións coma a de Andrea Lapique, filla do cantante ferrolán, que lle recita versos ao seu pai na canción Meu Amor, de Fanny + Alexander. No libro do cedé hai, ademais, textos de homenaxe escritos pola propia Andrea, polo poeta e xornalista Daniel Salgado, e por Xurxo Souto, dos Diplomáticos de Monte Alto.